Friday 26 de April de 2024

A Xunta renova cun investimento de case 500.000 euros a base de helicópteros de Lomba en Santa Comba


Esta actuación permite mellorar a operatividade e comodidade desta base ofrecendo a posibilidade de que varias aeronaves poidan estacionar simultaneamente

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o resultado das obras de mellora na base de helicópteros de Lomba, en Santa Comba, nas que a Xunta investiu case 500.000 euros.
Trenor explicou que as obras consistiron na construción dun novo edificio que consta de catro partes diferenciadas: espazo para brigadas helitransportadas, sala de instalacións, aloxamento para tripulacións e emisora da base. Ademais construíronse dous novos aparcadoiros para helicópteros. “Esta actuación, recalcou, permítenos mellorar a operatividade, capacidade e prestacións da base, adecuándoa ás novas necesidades e esixencias normativas”.
Esta renovación permite ademais mellorar a posibilidade de que varios helicópteros poidan estacionar simultaneamente sobre placa de formigón, en consonancia coa normativa de AESA.
O delegado da Xunta explicou que “estas instalacións son utilizadas polas brigadas helitransportadas de Lomba, en total 20 persoas distribuídas en dúas brigadas de 10, con quendas alternas de maneira que cada día hai unha operativa. Realizan os traballos de extinción para os que son requiridos xunto co helicóptero”.
A base de helicópteros de Lomba opera durante 6 meses ao ano cun helicóptero de tipo medio na campaña de verán e cun helicóptero tipo lixeiro o resto da prestación.